Últimos días para visitar "Mesa de traballo. Ensamblaxe e colaxe en Galicia". Fundación Laxeiro

Tuesday, April 23, 2013
A exposición entra na súa última semana, e o vindeiro domingo, 28 de abril será o último día para visitala.

Cun elenco de quince artistas que desenvolven o seu traballo en Galicia, Mesa de traballo. Ensamblaxe e colaxe en Galicia fixo un percorrido polos procesos da ensamblaxe e o colaxe nos últimos quince anos en Galicia.

A transversalidade, a fragmentación e a hibridación de linguaxes, materiais e técnicas, son as ideas das que parte este proxecto, ao redor das que se articula unha exposición heteroxénea que reúne, nun mesmo espazo, obra de artistas de diferentes xeracións e con diferentes intereses comunicativos e artísticos, conformando unha montaxe híbrida tamén nos resultados, que percorren diferentes formas de achegarse á creación artística, nun percorrido que vai do formalismo á narratividade e que, ao ser amosado sen separacións físicas como tabiques ou paneis, conforma tamén na súa montaxe, unha sorte de ensamblaxe na que cada espectador elixe o seu persoal percorrido.

Dende o formalismo de Miguel Mosquera (Ourense, 1953) e Teo Soriano (Mérida, 1963) ata a narratividade de Rosa Úbeda (Pontevedra, 1958) ou Enrique Saavedra Chichieri (Madrid, 1963), pasando polo enfoque conceptual de Misha Bies Golas (Lalín, 1977) ou a ollada surrealista de María Chenut (París, 1976) o neodadá de Rosendo Cid (Ourense, 1974), a reciclaxe de Pelucas (Vigo, 1980), Pablo Orza (Zamora, 1971) ou Samuel Castro (A Coruña, 1971) sen esquecer a poética intimista de Santiago Mayo (Tal, A Coruña, 1965), o xogo perceptivo de Luis Bueno (Talavera de la Reina, 1965), a narratividade infantil de Colin Baldwin (Trujillo, Perú, 1963) a chamada á reflexión social de Xosé Carlos Barros (Vigo, 1962) ou a crónica da vida cotidiana de Tono Carbajo (Vigo, 1960), a exposición fai un compendio de variados procesos que, unhas veces, a partir da pintura e o debuxo, outras a partir da escultura, a instalación e o site specific e outras, a partir da fotografía, van configurando diferentes microrrelatos que nos falan dunha realidade complexa e fragmentada, na que os materiais utilizados conforman unha sorte de estética de combate que da resposta dende a arte, a estes tempos de crise económica, moral e social.

A exposición foi visitada por un total de 2.523 persoas e contou con diversas visitas guiadas, das que esta semana, aínda se celebrarán dúas: a primeira, o mércores, 24 de abril, ás 18.30h e a segunda, o xoves, 25 de abril á mesma hora.
O proxecto, incluído dentro do ciclo titulado Panorama, conta co financiamento do concello de Vigo e a Fundación Laxeiro.