Espiñas Coroadas. Fundación Laxeiro

Monday, June 3, 2013
Espiñas Coroadas, ata o vindeiro 14 de Xullo na Fundación Laxeiro.
 
Co título Espiñas coroadas, o artista Lito Portela(Moaña, 1958) leva á Fundación Laxeiroa súa reflexión sobre a natureza, o home a o estrañamento deste perante o mundo que nos rodea e nos acolle.
 
Espiñas coroadasé un proxecto escultórico sinxelo na súa formulación expositiva, que, a través de tres pezas rotundas, a medio camiño entre o hiperrealismo e a poesía e utilizando os recursos da tradición minimalista, propón un espazo limpo, de encontro do home coa realidade que o rodea e que, frecuentemente, resulta absurda e inintelixible.

Espiñas coroadassignifica un fito na traxectoria de Lito Portela. Un fito no que a súa linguaxe escultórica abandona preocupacións construtivas, características na súa obra para espazos públicos, para centrarse nunha linguaxe orgánica, na que manexa con mestría os códigos da representación realista, para transcendelos e propoñer, como di o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez, “unha realidade-outra, paralela ao mundo real, que se carga dunha indubidábel aura poética e que acaba por constituírse en signos vitais”.

Para levar adiante este proxecto, ademais desta utilización dos códigos da mímese, Lito Portelamanexa con acerto, recursos expresivos do minimalismo, como o xogo de escala e o diálogo co espazo arquitectónico, que o autor integra mediante a intervención nos panos expositivos, ademais dunha eficaz austeridade morfolóxica, materializada na monocromía das pezas e na súa instalación na sala, sen máis recurso que a súa propia materialidade, sen peañas, urnas, vitrinas ou calquera outro elemento propio da retórica da exhibición escultórica.

Este traballo, que xa fora exposto en 2012 na sala Alterartedo Campus de Ourense, amosa na Fundación Laxeirounha parte anovadora ao incorporar un capítulo non visto ata agora, como é o seu proceso de xestación, engadindo unha parte de reflexión do artista sobre o seu propio traballo que resulta, sen dúbida, útil para o autor, polo que implica de reformulación, ademais de ilustrativa para o espectador por ese interese engadido de acceso aos momentos previos ao resultado final.